Friday 26 de April de 2024

A Coruña acolle o VIII Encontro Artes pola Integración, unha iniciativa multidisciplinar “que axuda a tecer relación entre o ámbito social e o cultural”


 

O concelleiro Jesús Celemín participou na presentación da nova entrega do ciclo que terá lugar esta fin de semana en espazos como a Fundación Luis Seoane e o Centro Ágora

O concelleiro de Cultura, Jesús Celemín, presentou esta mañá a oitava convocatoria do encontro “Artes pola Integración”, unha programación participativa que ten como obxectivo favorecer a inclusión social a través da cultura. Así, as artes escénicas, música, artes visuais, cine, conferencias e formación confluirán do 27 ao 29 de setembro nunha variada programación en diferentes espazos da cidade.

Tal e como destacou o edil de Cultura, a iniciativa “presenta un enorme interese para a cidadanía pola súa clara aposta pola inclusión social a través das artes”. A directora artística do encontro, Carlota Pérez, falou da necesidade de realizar proxectos culturais para a diversidade: “é un exercicio de responsabilidade para poñer en mans dos distintos grupos sociais as plataformas e ferramentas necesarias coas que comunicarse e favorecer a inclusión social a través da cultura”.

O proxecto parte nesta edición da idea do abandono e a arte, polo que os espazos en desuso da cidade terán un protagonismo masivo en diferentes espectáculos e talleres. Unha metáfora do abandono social que sofren aquelas persoas con diversidade funcional que precisan ser visibilizadas.

Entre as propostas que formarán parte deste VIII Encontro está o espectáculo “Palabras que habitan corpos”, na Fundación Luis Seoane, e o de “Danza Líquida” na praza da Constitución –o venres 27 de setembro, ás 20.00 e 21.15 horas–. O sábado 28 pola mañá, a Fundación María José Jove acollerá diferentes mesas de reflexión participativas no marco dunha xornada na que se abordarán diversos proxectos de inclusión social a través das artes. A programación continuará pola tarde nun novo escenario, o antigo Sanatorio de Oza nas Xubias e incluirá unha

mostra da peza de danza “Límites” seguida dunha mesa redonda con Dani Vieito e Mercedes Peón. Xa o domingo 29, será a quenda de Dani Vieito co seu traballo “Vida en el Puente Pasaje” e o de Amelia Coppel e Gonzalo Negreira que impartirán un curso de SicoDanza para profesionais -de 12.00 a 14.00 horas no Centro Ágora-.